
Un novo comezo para o Sutenor, que tiña este sábado o seu primeiro compromiso do ano: a primeira xornada da fase de clasificación ante un equipo que xa disputara a Liga Ouro hai dous anos.
O encontro comezaba a favor do Sutenor, cun conxunto defensivo que estaba a aportar para evitar o gol rival. Tan só 5 goles encaixados nos primeiros 20 minutos de xogo. Houbo erros tanto individuais como colectivos, quizais os habituais nesta fase da pretempada. Os nervios do primeiro encontro estaban a flor de pel e iso sempre condiciona certos momentos do partido.
A defensa 6:0 estaba a complicar o ataque pontevedrés, que encontraba o gol principalmente en accións co xogo de pivote ou nalgunha acción cerrada. Por parte do Sutenor, a fase ofensiva estivo quizais demasiado marcada polas accións individuais. O equipo non estivo fino no xogo colectivo para superar as defensas 5:1 e 4:2 propostas polo rival. Aínda así, o Sutenor estaba sendo moi superior.
Resultado ao descanso: BM Culleredo Sutenor 15 - Omma Arquitectura BM Cisne 8
Os 8 goles encaixados na primeira metade dicían moito do nivel defensivo do equipo local, pero na segunda parte non foi posible manter ese nivel. As desconexións individuais penalizaron, as coordinacións cos postos colindantes non estiveron axustadas e o equipo visitante comezou a encontrar o gol con maior facilidade.
Na fase ofensiva seguíase apostando por finalizar polas zonas exteriores e, aínda con erros no lanzamento, conseguíanse goles, xa que a defensa do equipo rival deixaba practicamente libres esas zonas de finalización.
O Sutenor controlou o encontro de principio a fin, quizais non cun gran xogo, pero si con moito esforzo e compromiso durante os 60 minutos.
Primeiros dous puntos para un equipo que leva traballando tres semanas como unhas auténticas profesionais. Moito compromiso, moita suor e moito esforzo é o que levan estas nenas dende o 3 de agosto. Noraboa polo traballo que levades realizado, porque non é fácil, senón todo o contrario.
Toca seguir traballando e mellorando pouco a pouco, axustando as diferentes fases do xogo para chegar ao seguinte encontro mellor preparadas.
Resultado final: BM Culleredo Sutenor 33 - Omma Arquitectura BM Cisne 26
BM Culleredo Sutenor: Helena Portas, Aldara Allegue, África Gómez, Candela Tizón, Salma Martínez, Aroa Bestilleiros, Sara Villar, Emilia de Castro, Noa Otón, Carmen García, Aitana Gestal, Sofía Orge e Uxía Seoane.
Omma Arquitectura BM Cisne: Inés de Sola, Inés Casal, Lucía Monteagudo, Claudia Hermida, Carmen Picallo, Valeria Regueira, Irene Gay, Sophie Rodríguez, Lía Fernández e Carlota de María.
Parciais cada 5': 3-1 / 6-3 / 8-4 / 11-4 / 13-6 / 15-8 / 16-11 / 21-14 / 23-17 / 25-19 / 30-24 / 33-26.
Árbitros: Juan Carlos e Andrés Pedreira.
Incidencias: Primeira xornada da fase de clasificación, disputada no Pavillón Municipal de Almeiras.
