
O Sutenor tiña por diante unha gran proba antes do sector nacional, enfrontándose á S.A.R. de Redondela, subcampioa galega. Un rival moi duro, cunha das capacidades goleadoras máis altas da categoría, pero ao que o Sutenor, unha vez máis, conseguiu limitar ofensivamente e reducir o seu alto rexistro anotador.
A primeira metade estivo marcada polo dominio local. As nosas, partindo dunha defensa 5:1 e dunha boa presión sobre as transicións do equipo visitante, lograban xerar inseguridade e dúbidas na S.A.R., que perdía balóns nesas transicións que tanto domina. Isto, unido ao acerto na fase ofensiva para atacar a defensa 5:1 visitante mediante transformacións da primeira liña e continuidade no xogo a boa velocidade, provocaba moitas dúbidas no equipo visitante, que non lograba sentirse cómodo sobre a pista.
O Sutenor chegou a obter unha vantaxe de tres goles, aínda que esta se viu reducida no tramo final da primeira metade. Dominio do Sutenor, pero cunha igualdade moi evidente sobre a pista.
Resultado ao descanso: BM Culleredo Sutenor 17 - S.A.R. Redondela 16.
Na segunda metade, o cambio de sistema defensivo do equipo visitante provocou unha serie de perdas de balón e erros de lanzamento consecutivos no Sutenor, situación que a S.A.R. aproveitou para darlle a volta ao marcador e abrir unha boa diferenza de goles. Houbo demasiados erros ofensivos por parte do Sutenor, que non atopaba seguridade á hora da finalización nin continuidade no éxito ofensivo.
Na fase defensiva, pese a existir erros habituais, as situacións resolvíanse de maneira correcta. Máis alá do resultado, buscábase comprobar se o equipo seguía competindo ante rivais de gran nivel antes do comezo do sector nacional.
Resultado final: BM Culleredo Sutenor 27 - S.A.R. Redondela 33.
A resposta do plantel foi clara: este equipo segue competindo e competirá no sector nacional. O carácter estivo presente, así como as ganas e o coraxe, que impregnaron a camisola desde o primeiro momento.
Agora só queda aproveitar estes últimos adestramentos para poder viaxar e competir, un ano máis, ante rivais de nivel estatal. Isto di moito deste grupo e tamén da sección feminina nestes últimos anos, xa que será a terceira vez consecutiva que un equipo feminino viaxe a un sector nacional.
A aposta do club é clara, e a destes grupos tamén. Ao final, isto reflíctese nun cóctel que, ao mesturarse, ofrece grandes recompensas a nivel de aprendizaxe e experiencia. Non todo é deporte, senón que tamén hai un importante crecemento social e persoal que se vai reflectindo co paso do tempo. Todo forma parte dunha aposta de futuro na que sempre hai que ter paciencia, porque non se poden adiantar os prazos.
Queda agora o premio final, onde aparecerán moitas sensacións que poderemos controlar ou non, pero a experiencia que viviremos será única, e non todos os equipos nin todos os clubs poderán dicir o mesmo xa que estaremos dentro dos 40 mellores equipos de España .
Bm Culleredo Sutenor: Sara Fernández, Helena Portas, Maria Otero , Aitana Gestal , África Gómez, Noa Otón, Rosalía Veiga, Lola Romero, Thais Villaverde, Alba Fernández ,Sara Villar, Eva Outón , Simona Seo , Sofia Meijide
SAR Rodavigo: Karla Fernandez, Aitana Crespo, Emma Troncoso, Daniela Figueroa, Aloia Fernandez, Carmen Barreiro, Daniela Miguez, Alma Otero, Zaira Garcia, Noa Perez
Parciais cada 5`: 3-3/6-4/8-6/13-11/15-12/17-16/20-19/21-23/22-26/23-30/25-32/27-33
Árbitros: Segunda Suárez y Daniela Súarez.
Incidencias: 3ªXornada da copa federación cadete feminino , disputado no pavillón municipal de Almeiras.
