Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO CERTIFICA A PERMANENCIA NUN DERBI VIBRANTE

(SM) BM Culleredo - Calvo Xiria - YouTube

Non puido ter mellor recompensa unha vitoria nun derbi e é que os dous puntos conseguidos polo BM.Culleredo o pasado sábado ante o Calvo Xiria de Carballo, traía consigo o premio gordo, nin máis nin menos que a permanencia de forma matemática na primeira nacional de balonmán. O encontro resultou moi entretido para as bancadas abarrotadas do municipal de Tarrío, vibrante ata o final debido á incerteza do resultado e con alternancias no marcador no segundo tempo que facían imprebisible o que ía acontecer. O comezo en cambio foi da man dos cullerdenses, que tras un primeiro parcial de máxima igualdade (3-3), tomarían a dianteira para dominar o electrónico ao longo dos vinte e cinco minutos restantes. A máxima renda para os locais, conseguiríase no mellor instante e xusto cando a chicharra anunciaba o termo do primeiro acto, Manu selaba unha diferenza de catro goles que podía ser vital de cara aos seguintes trinta minutos (17-13).
Fiel ao seu carácter competitivo, o conxunto bergantiñán saía como un ciclón de vestiarios e apostados nunha defensa 5:1 que se lle atragoaba aos de Culleredo, lograría reducir a diferenza a mínima expresión en tan só cinco minutos (18-17). O encontro sumiríase entón nuns instantes de máxima igualdade, onde o BM.Culleredo gozaba tan só dunha renda menor. Sería no último tramo, a falta de dez minutos, cando o Calvo Xiria apuntillaba un parcial gañador de 2-5 para adiantarse perigosamente no electrónico (26-28). O BM.Culleredo reaccionaría entón, cambiaría o armazón defensivo a 5:1 con Iván no avanzado e a decisión daría efecto inmediato, devolvendo o mesmo parcial (5-2) aos bergantiñáns para encarar os últimos instantes con marcador a favor (31-30). Nuns últimos momentos repletos de tensión, o BM.Culleredo logrou xogar con criterio o 2x2 co pivote na zona central e sacar rédito a esta acción cunha alta eficacia. Ante a presión final dos visitantes, os cullerdenses conseguiron manter a pelota e atopar un lanzamento final que lles outorgaría os dous puntos e, por tanto, unha permanencia histórica un ano máis nesta primeira nacional.

BM.Culleredo: 34 (17+17). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Mario Bento, Manuel López (3), Alejandro Gómez (7), Marcos Regueiro (4), Samuel Seijas (2), Mario Crecente, Iago Ferreiro, Iván Sánchez (6), Nico Casal (1), Marco García, Nuno Loxo (2), Adrián Díaz (4), Pedro Pereira (3), Alejo Martínez (2).

Calvo Xiria: 32 (13+19). Antonio Gómez (P), Darío J. Calviño (P), Aarón Rodríguez (1), Gabriel Castiñeiras (2), David García, José Manuel Negreira (1), Pablo Veiga, Julián García (10), Hugo Rodríguez (7), Samuel Veiga, Dani Periscal (4), Jorge Bouzas, Mario García De Seárez (2), Marcos Suárez (3), Diego Gago (2), Senén Garea.

Parciais cada 5´: 3-3 / 9-6 / 9-8/ 11-10 / 14-11 / 17-13 / Descanso / 18-17 / 21-20 / 24-23 / 26-28 / 31-30 / 34-32 / Final. 

Colexiados: Jonathan Hinojosa e Gabriel Folgoso.

Incidencias: 28ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no municipal de Tarrío cas bancadas cheas e moi bo ambiente de balonmán cos siareiros de ambos os conxuntos entregados os seus equipos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *