Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES, DISPUTARÁ A FINAL FOUR DA CATEGORÍA A PESARES DE CEDER EN LALÍN

Federopticos Pereiro BM Lalín Vs Balonmán Culleredo

Non puido o BM.Culleredo Despreocúpate.es apurar as súas últimas opcións no campionato de Liga Ouro e saíu derrotado en Lalín ante un conxunto que desta maneira certificaba o seu campionato galego. Os dezáns, que esta tempada xa cederan nos dous partidos disputados ante os cullerdenses, non desexaban deixar escapar a oportunidade de proclamarse campións galegos na súa casa e non deron opcións ao seu rival nesta terceira ocasión. A saída foi fulgurante e cun 4-0 de parcial, os de Lalín deixaban claro as súas serias intencións. Os erros defensivos e no lanzamento ante o porteiro rival, retardaba a estrea no marcador do conxunto de Culleredo, que irían a remolque dun BM.Lalín que aumentaba a diferenza cos pasos dos minutos ate conseguir ese 20-12 ao descanso que deixaba o envite virtualmente decidido o seu favor. Os erros xa recorrentes do BM.Culleredo Despreocúpate.es, terían moito que ver nesta gran diferenza ao termo dos primeiros trinta minutos, dando moitas facilidades para que o conxunto dezán adquirise unha vantaxe que ao cabo sería insalvable. A anarquía volvería a facer aparición nun ataque posicional que se estrelaba no centro da defensa local, onde estes acumulaban un maior número de efectivos e os xogadores de maior antropometría. A falta de xogo táctico, ampliando os espazos e dando continuidade ao balón para traballar máis cara a zonas exteriores, facilitaban o labor da retagarda do BM.Lalín en conxunción co seu porteiro e o abuso de lanzamentos desde os nove metros, poñía en bandexa o éxito defensivo dada a súa maior capacidade física. Os contraataques a partir destes erros terminarían por ampliar de forma sinxela as diferenzas a favor do conxunto locatario. No traballo defensivo, talón de Aquiles dos de Culleredo, os erros sucedíanse, especialmente ao verse superados continuamente as accións de 1x1 de Manuel e Luís principalmente. O posicionamento, a anticipación, a intensidade e a contundancia fallaban e as axudas ante o erro non existían, deixando sen apenas opcións de éxito a Hugo e Jorge en portería.
No segundo acto e cun marcador tan avultado, o Federópticos BM.Lalín xogaría a pracer ante un rival que xa non sería capaz de poñer resistencia e tería que abrir a defensa asumindo riscos para buscar a remontada. Os de lalín xa só contaban o paso dos minutos, simplemente coa idea na cabeza de celebrar o campionato galego nun partido que terminarían por controlar sen apuro algún.
A pesar do mazazo da derrota, cos resultados da xornada, o BM.Culleredo Despreocúpate.es terminará a liga regular en cuarta praza e isto significa que disputará de forma directa a próxima Final Four da categoría onde haberá unha praza para o gañador que dá acceso ao campionato de España. O BM.Culleredo Despreocúpate.es, deberá de mellorar moito a nivel defensivo e tácticamente para conseguir ese billete. O equipo terá que recuperar en tempo récord os acenos de identidade que mostraron na primeira volta do campionato de liga.

Federópticos Pereiro BM.Lalín: 45 (20+25). Joel Noche, Luis Martínez, Manuel Montoto, Martín Vázquez, Manuel Souto, Iago Alexandre Cuiña, José Alberto Canda, Brais Llinares, Sergio Sánchez, Sergio Novoa, Marco González, José Enrique Portas.

BM.Culleredo Despreocúpate.es: 34 (12+22). Hugo García (P), Jorge Amor (P), Jairo Candamio, Lucas Faraldo, Teo Gómez, Isaac Lorenzo, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Adrián Aneiros, Hugo Bregua, Diego Rodríguez.

Parciais Cada5´: 4-0 / 7-3 / 10-5 / 14-7 / 18-9 / 20-12 / Descanso / 25-16 / 30-21 / 34-26 / 37-29 / 42-31 / 45-34 / Final.

Colexiado: Nicolás Núñez e Juan Carlos Amedo.

Incidencias: Encontro correspondente á penúltima xornada na Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado no Municipal De Lalín con excelente presencia de afeccionados de ambos os conxuntos e maravilloso ambiente de balonmán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *