
[SEN. MASC.] CALVO XIRIA vs BM. CULLEREDO
O pavillón Vila De Noia de Carballo, foi testemuña, esta fin de semana dun novo derbi en 1ª nacional entre o Calvo Xiria e o BM.Culleredo. Os cullerdenses, que veñen mostrando no último mes un crecemento competitivo evidente, aínda que non se vexa recompensado coa suma de puntos, acudían ao concello de bergantiños coa ambición de por fin poñer fin a este refacho sen vitorias. Cando o equipo estaba a competir a bo nivel, plantando cara a un rival máis experimentado como é o conxunto de Carballo, chegaría o primeiro revés en forma de lesión e Adrián Díaz, peza fundamental na retagarda cullerdense, víase obrigado a deixar o 40x20 do Vila De Noia por un forte impacto que lle provocaba un lategazo cervical. O BM.Culleredo, víase entón na obriga de restructurar a súa parcela defensiva e comezaría sufrir certos desaxustes nesa zona central, especialmente coas traxectorias de David García ou os cruzamentos na primeira liña do Calvo Xiria. Aínda así, o BM.Culleredo competía e mantíñase dentro do partido, a un paso do seu rival (13-11 minuto 25). Acabarían sendo importantes os últimos instantes do primeiro acto para o devir do encontro, xa que despois dun esforzo titánico durante vinte e cinco minutos para que a diferenza non se disparase a favor dos locais, o BMCulleredo caería nunha serie de ataques precipitados que lles levaría a cometer varios erros de forma consecutiva. Isto, poñería en bandexa situacións francas (algunhas delas en transición) para que o Calvo Xiria conseguise un parcial de 3-1, aumentando así a súa vantaxe e conseguindo a máxima renda xusto no momento máis doloroso, cando se chegaba ao tempo de descanso (16-12). A pesar de que a diferenza non era nin moito menos insalvable, o parcial dese último tramo faría moito dano aos de Culleredo, que non atopaban solucións no segundo tempo e víanse moi superados, especialmente na parcela defensiva. Recorríase entón a un plan B, onde o cambio defensivo a 5:1 e o xogo sen porteiro (7x6) no posicional, buscaba reverter a situación. O equipo comezaba a crear certas dúbidas ao ataque local, mesmo se recuperaban balóns e o xogo sen porteiro daba os seus froitos, pero o repregamento non resultaba eficiente e o Calvo Xiria mantiña o pulso grazas ao contragol. O BM.Culleredo tentaríao ata o último minuto, pero só conseguiría reducir a diferenza ata eses catro goles finais (32-28)
Calvo Xiria: 32 (16+16). Antonio Gómez (P), Darío J. Calviño (P), Aarón, Gabriel Castiñeiras (2), David García (10), Pablo Veiga (1), Julián García (6), Hugo Rodríguez, Samuel Veiga, Dani Periscal (5), Orlando Kulutue, Jorge Bouzas (1), Mario García De Seárez (2), Carlos Varela (1), Diego Gago (3), Senén Garea (1).
BM.Culleredo: 28 (12+16). Xoán Varela (P), Jorge López (P), Alejo Martínez (3), Manuel López (1), Alejandro Gómez (9), Marcos Regueiro (3), Daniel González, Darío Pérez (1), Iago Ferreiro (2), Iván Sánchez (3), Nico Casal, Marco García (1), Nuno Loxo (1), Adrián Díaz, Pedro Pereira (3), Lucas Sánchez (1).
Parciais cada 5´: 2-2 / 6-3 / 8-4 / 11-9 / 13-11 / 16-12 / Descanso / 20-15 / 21-15 / 26-19 / 29-22 / 30-25 / 32-28 / Final.
Colexiados: Cesar Díaz e Marcos Pérez.
Incidencias: 13ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no Vila De Noia de Carballo cunha boa entrada e moitísimos afeccionados do BM.Culleredo
Fotos do encontro:
