
(IM) Bm Culleredo Óptica Gallaecia vs SAR Nosatun
O BM.Culleredo Óptica Gallaecia, conseguíu un importante e meritorio triunfo o pasado sábado ante a SAR de Redondela. Nun partido igualado e intenso, os cullerdenses impuxéronse a un rival fisicamente potente e con moitos argumentos ofensivos, de aí o valor destes dous puntos.
Os xogadores da SAR, saíron mellor ao 40x20 do polideportivo de Almeiras e tomaban a dianteira no electrónico apoiándose nesa superioridade física dos seus dous laterais. Os cullerdenses, moi estáticos no posicional e sen xogo colectivo, atopaban dificultades para superar o bloque defensivo rival e conseguir os desequilibrios desexados. Todas as situacións partían de accións maioritariamente individuais desde un inicio estático e con balón, feito que favorecía a defensa ao par, a axuda de compañeiro e que ademáis, volvía previsible o ataque dos locais. O BM.Culleredo Óptica Gallaecia víase bloqueado ante a 5:1 do conxunto visitante; non existían transformacións dos extremos ou da primeira liña para desarbolar o armazón defensivo e o dominio dos redondelanos volvíase evidente, conseguindo chegar ao termo dos primeiros trinta minutos con dous goles de vantaxe (12-14). O conxunto de Culleredo debería de mellorar o xogo sen balón no posicional e apontoar algúns conceptos importantes na súa retagarda.
A reanudación, non evidenciaría ningunha mellora na fase atacante, pero, en cambio, a retagarda iría aumentando as súas prestacións e o equipo crecía a partir dos éxitos nesa parcela. A anticipación, as axudas, as disuasiones…todo aderezado cunha intensidade e un traballo colectivo digno de mención, converteríanse no bastión sobre o que construír unha remontada que deixaría dous importantísimos puntos en Culleredo e outorga ao BM.Culleredo Óptica Gallaecia a posibilidade de situarse a un só punto dos postos de privilexio. Sen dúbida, tan só nove goles encaixados nos segundos vintecinco minutos representan o bo facer defensivo, sen o cal, a vitoria sería unha utopía.
Bm Culleredo Óptica Gallaecia: 25 (12+13). Sebastián Ponte (P), Xurxo Méndez (P), Javier Orge, Hugo Fariña, Aitor Fariña, Mauro López, Carlos Negreira, Pablo Fraguela, Pablo Hermida, Aarón Beade, Nicolás González, Antón Méndez, Jacobo Soto, Samuel Costa, Mario Prada.
SAR Nosatún: 23 (14+9). Bruno León, Xián Fdez, Diego Ortíz, David Sampil, Teo Pérez, Marco Couñago, Iago Roupeiro, Manuel Pereira, Pascual Rodríguez, Iván Pérez, Mario Cruz.
Parciais cada 5´: 2-4 / 4-5 / 5-8 / 9-10 / 12-14 / Descanso / 15-15 / 15-15 / 18-18 / 22-21 / 25-23 / Final.
Árbitros: Martina Regueiro e Uxía Mariño.
Incidencias: Partido correspondente á 5ª xornada da Liga Ouro infantil masculina disputado no polideportivo de Almeiras. Ambiente excelente nas bancadas con seguidores de ambos os conxuntos.
