
Terceiro triunfo do BM.Culleredo Galaico Caravaning noutras tantas xornadas da liga Prata e segundo partido a domicilio para os de Culleredo. Dominou o encontro na Casa Do Deporte de Lugo o BM.Culleredo Galaico Caravaning, mostrando unha posta en escena inicial inmellorable. A partir dunha defensa 6:0 proactiva, os cullerdenses fixéronse donos e señores do encontro, endosando ao seu rival un parcial inicial de 1-6 que obrigaba ao técnico local a solicitar o seu primeiro tempo morto. As consignas recibidas non daban resultado para os intereses dos xogadores do CP. Lucense e no meridiano deste primeiro acto, o BM.Culleredo Galaico Caravaning impoñíase por un incontestable 2-10. Coas rotacións chegarían os primeiros desaxustes defensivos e os erros ante a portería local. Os lucenses aproveitarían a falta de precisión e os erros non forzados para achegarse no electrónico cando se chegaba ao tempo de descanso (12-16).
O mal momento dos cullerdenses continuaría ao comezo do segundo tempo e os de Lugo achegaríanse perigosamente a tan só dous goles (14-16) aproveitando un primeiro minuto de superioridade numérica. Foi entón, xa con todos en pista, cando o BM.Culleredo comezaría a recuperar as mellores prestacións defensivas que, unidas á velocidade ao contragolpe, abriría unha nova brecha nun momento crucial (15-20). Os de Culleredo puxeran a velocidade de cruceiro novamente e aproveitaban a fatiga do rival para aumentar a vantaxe grazas ao alto ritmo imposto e así asinar unha nova vitoria por un amplo 23-34.
Millavén C.P. Lucense: 23 (12 +11). Pablo Navia, Lucas Díaz, Martín Alonso, Adrián Mosquera, Enol Vila, David González, Hugo Seoane, Rodrigo Pumares, Samuel Manín, Brayan Martínez, Adrián Feijoo, Amir Berka, Alejandro Prado.
Balonmán Culleredo Galaico Caravaning: 34 (16+18). Marc Barbeito (P), Hugo Díaz (P), Pablo Ares, Mateo Negreira, Jairo Míguez, Iago Allegue, Juan Pablo Rivero, Hugo Rodríguez, Álvaro Siso, Antón Pérez, Lucas López, Anxo Negreira, Fabián Manzo, Roi Fdez, .
Parciales cada 5': 1-2 / 1-5 / 2-10 / 5-12 / 10-14 / 12-16 / DESCANSO/ 14-16 / 15-20 / 16-25 / 18-28 / 21-32 / 23-34 / FINAL.
Arbitros: Nicolás Núñez e José López.
Incidencias: Encontro correspondente a 3ª xornada de Liga e disputado na Casa Do Deporte de Lugo ante un bo número de aficionados de ambos os equipos.
