
J.2 LIGA ORO INFANTIL MASCULINO. SD TEUCRO UNIWASH VS BM CULLEREDO OPTICA GALLAECIA
O BM.Culleredo Óptica Gallaecia, realizou un meritorio encontro no municipal de Pontevedra o pasado sábado e fíxoo a pesar de comezar errático e con moi pouco ritmo nas súas accións. Os cullerdenses, foron capaces de ir crecendo no encontro ata superar eses minutos iniciais irregulares e mesmo lograron poñerse por diante e soñar coa vitoria ante un Teucro superior a nivel físico. Non pintaban ben as cousas para o conxunto de Culleredo co 4-1 inicial, abrumados pola clara superioridade física e a diferenza dos niveis de forza no 1x1 da primeira liña teucrista. No posicional, o 6:0 local tamén se impoñía, en gran parte pola sua antropometría, aínda que tamén pola escasa mobilidade dos xogadores do Óptica Gallaecia en tarefas atacantes. Co paso dos minutos, a retagarda do BM.Culleredo comezaría a funcionar e tanto o traballo en disuasión como na desposesión ao bote, daría bo redito a un equipo que confirmaba a mellora cun 1-3 nos minutos finais do primeiro acto. Cun 17-13 chegábase ao tempo de descanso e o bo facer dos cullerdenses, convidaba á ilusión no segundo acto.
Saía o BM.Culleredo Óptica Gallaecia ao 40x20 da Cidade do Lerez, coa mesma inercia positiva coa que chegara ao meridiano do encontro e impoñíase á gran superioridade física dos locais a base de sentido táctico en cada unha das accións defensivas. Vivíanse os momentos máis lúcidos dos bravos mozos de Culleredo que con anticipación, disuasión e solidariedade nas axudas, recuperaba e saía con velocidade ao contraataque. Aos cinco minutos da continuación, ese bo facer xa se vía recompensado e o BM.Culleredo Óptica Gallecia subía as táboas ao electrónico (20-20). A partir de entón e durante dez minutos máis, os de Culleredo faríanse co dominio do xogo, alternando igualadas e vantaxes mínimas a favor. Foi no 40, a falta de cinco minutos para a finalización, cando os locais romperían o partido cun 5-1 de parcial, aproveitando algún erro no pase do seu rival e, sobre todo, impoñendo de novo a súa superioridade física. Co partido roto e a fatiga aflorando nos xogadores cullerdenses, o Teucro ampliaría a súa diferenza a uns algarismos que non fan xustiza ao bo facer do óptica Gallaecia, que durante moitos minutos e de xeito moi meritorio, superaron en xogo a superioridade física do seu rival.
SD.Teucro Uniwash: 35 (17+18). Tomás Aldao, Adrián Vales, Alex Martínez, Miguel Logroño, Sergio Froján, Mario López, Luca Valencia, Sergio Barros, Pedro Cancela, Manuel Martínez.
BM.Culleredo Óptica Gallaecia: 26 (13+13). Sebastián Ponte (P), Xurxo Méndez (P), Javi Orge, Samuel Costa, Antón Méndez, Hugo Fariña, Carlos Negreira, Pablo Hermida, Aarón Beade, Jacobo Soto, Aitor Fariña.
Parciais Cada5´: 4-2 / 7-4 / 12-5 / 16-10 / 17-13 / Descanso / 20-20 / 23-23 / 25-25 / 30-26 / 35-26 / Final.
Colexiados: Catarina Adao e Mateo Gómez.
Incidencias: Encontro correspondente á seguna xornada na Liga Ouro Infantil masculina. Partido disputado no pavillón dos Deportes De Pontevedra con boa presencia de afeccionados de ambos os conxuntos.
