
Entramos de cheo na segunda quincena do mes de Maio e todos os equipos afrontan o tramo final da competición 2023/24. O BM.Culleredo Remax Riazor, inmerso na Copa Federación, lidera o grupo o grupo 1 Norte despois de dúas xornadas disputadas, á espera de afrontar a última e definitiva en casa ante o Abegondo - Atlántico Opemat. Nesta segunda xornada, os cullerdenses desprazábanse novamente a Lugo, no que sería o cuarto enfrontamento esta tempada entre ambos os conxuntos. O BM.Culleredo comezaba dominando un envite que mostraba un ritmo menor que noutras ocasións, aínda que os visitantes, aposentados nun 5:1 que creaba serias dúbidas ao seu rival, sacaban redito ás accións de contragolpe para avanzarse no electrónico ao primeiro de vez (1.5 minuto 5). Os xogadores do CP. Lucense, espertarían entón do seu letargo inicial e despois do primeiro tempo morto solicitado polo técnico locatario e conseguirían igualar os seguintes parciais, aínda que nunca arrebatarían a vantaxe ao Remax Riazor, que se retiraba aos vestiarios no tempo de descanso dominando por unha diferenza de tres goles (16-19). No segundo acto, os xogadores de Culleredo conseguirían dominar o partido con distancias cómodas, maioritariamente entre os tres e os cinco goles e así, evitar posibles sobresaltos que puxesen en perigo a vitoria final. O marcador final (27-33) outorga unha nova vitoria ao BM.Culleredo Remax Riazor e o que é máis importante, a posibilidade de continuar liderando a clasificación neste grupo á espera do último e definitivo partido ante o equipo de Abegondo - Atlántico.
Millavén CP Lucense: 27 (16+11). Daniel Sanjuan, Lucas Díaz, David González, Martín Alonso, Adrián Mosquera, Hugo Seoane, Rodrigo Pumares, Víctor Areán, Iván Vila, Amir Berka.
BM.Culleredo Remax Riazor: 33 (19+14). Hugo Díaz (P), Hugo García (P), Jorge Outón, Fabián Manzo, Teo López, Xoán Bello, Jaime Serrano, Hugo Rodríguez, Diego Piñeiro, Roi Fdez, Iago Allegue.
Parciais cada 5´: 1-5 / 4-7 / 6-11 / 8-14 / 11-17 / 16-19 / Descanso / 18-21 / 20-25 / 22-26 / 24-27 / 26-28 / 27-33 / Final.
Colexiados: José López.
Incidencias: Encontro correspondente á xornada nº 2 no grupo 1 Norte da Copa Federación e disputado na Casa Do Deporte de Lugo con representación das dúas afeccións nas bancadas.