Saltar ao contido

O SWEEPEND CULLEREDO, PRETO DE SACAR ALGO POSITIVO NA SÚA VISITA A GALDAR.

Non estivo lonxe o Sweepend Culleredo de sacar algo positivo da súa viaxe a Gran Canaria, pero os numerosos erros volveron decantar a balanza para o rival no último tramo.

Os primeiros compases do encontro foron un toma e daca, con ambos os equipos imprecisos, tentando axustar e afinar os seus acordes. Co paso dos minutos, os locais tomarían unha lixeira vantaxe, perseguidos de cerca polos cullerdenses, que alternaban momentos de maior fluidez con outros onde os erros non forzados pasaban dolorosa factura. A pesar das once perdas de balón nos primeiros trinta minutos, o Sweepend Culleredo conseguiría a súa maior regularidade no tramo final da primeira parte e cun parcial gañador nos últimos cinco minutos (2-4), deixaba en táboas o marcador no tempo de descanso (13-13).
O segundo acto comezaba de novo cun Galdar asumindo a cabeza, aínda que os de Culleredo non lle ían á zaga (16-15). A batalla na igualdade seguíaa manexando mellor o conxunto canario, cometendo menos imprecisións e aproveitándose das do seu rival, que neste segundo tempo sumaba nove máis ás anteriores. Inmersos nos últimos cinco minutos e cunha desvantaxe de tres goles, o Sweepend Culleredo apostaba todas as cartas a unha defensa aberta que lles puidese proporcionar a recuperación do balón, pero o que se gañaba na retagarda, terminaba morrendo na beira dos seis metros do conxunto rival, ben por erros non forzados ou por lanzamentos errados ante o porteiro canario. En definitiva, as vinte perdas de balón, os catro penaltis fallados e media ducia de lanzamentos francos ante a portería local, acabarían por ser claves no devir do encontro, converténdose en excesivo lastre para conseguir rescatar algún punto nesta viaxe ás illas afortunadas.

Galdar Gran Canaria: 30 (13+17). Hugo Manuel Gómez, Sergio Warner C. Anibal (1), Diego Castellano, Jesús Alejandro Mendoza (1), Jorge Hernández (1), Emiliano Manuel Villaverde (5), Adrián Pascual Díaz (2), Saul Rodríguez, Joaquín Molina, Juan Alejandro Godoy (4), Carlos Mederos, Nicolás Dieguez (8), Alejandro Castellano (1), Yanis Ramírez (6), Miguel Ángel Hernández, Saulo López (1).

Sweepend Culleredo : 25 (13+12). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Aresi Rosende, Martín Insua (2), Carlos Costa (1), Miguel Casal, Pedro Pereira (3), Daniel Salvador (4), Adrián Díaz (3), Carlos Martín (1), Iago Ferreiro (5), Nuno Loxo (2), Senén Garea (4).

Parciais cada 5´: 2-3 / 7-4 / 9-6 / 10-8 / 11-9 / 13-13 / Descanso / 16-15 / 18-16 / 21-19 / 24-20 / 24-21 / 30-25 / Final.

Colexiados: Carlos Juliá Martínez e Alejandro Carpeño González.

Incidencias: Partido correspondiente a terceira xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado no municipal Juan Vega Mateos de Galdar (Gran Canaria) ante cincocentos siareiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *