Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DESCONÉCTASE NA COPA FEDERACIÓN

Aínda non pasara unha semana e Magope Seis Do Nadal e BM.Culleredo volvíanse a ver as caras. Se hai seis días o enfrontamento era un todo ou nada na final da "Final Four" da 1.ª autonómica, este Sábado o choque era noutra cita importante, a semifinal da "Copa Federación". Prevíase por tanto un novo choque apaixoante, o cuarto entre dous conxuntos que destacaran na tempada como dúas potencias dentro da categoría. É certo que a relevancia que ten a liga dentro do panorama competitivo é moito maior, xa que esta é a que dá acceso directo á fase ascenso e por iso, ambos os conxuntos comparecían no pavillón das Travesas con algunhas baixas. Se polos locais destacaba a ausencia do seu líder indiscutible, Guillermo Rial máis a do goleador Adrián Leirós ou Álvaro Cameán, polos cullerdenses facíano ata catro xogadores, ben por descanso ou por molestias (Alberto Catoira, Iago Franco, Diego Gago e Mario Crecente). En contrapartida, o aliciente estaba en ver en acción aos xuvenís do BM.Culleredo Despreocúpate.es, Nuno Loxo, Senén Garea e David Martínez.
As esperanzas de ver un novo encontro entretido, vibrante, cheo de tensión e intensidade, tal e como foran os tres anteriores, desvanecíanse á primeiras de cambio. O BM.Culleredo evidenciaría desde o inicio que o pensamento estaban máis na cita da fase de ascenso que disputarán dentro de dúas semanas que no partido que se estaba a xogar. A indolencia defensiva e a falta de intensidade, outorgaba múltiples vías e facilidades ao conxunto olívico, moito máis xeneroso na proposta dos seus esforzos. Un 9-3 abrumador nos primeiros dez minutos e as sensacións escenificadas por uns e por outros, non deixaban lugar a dúbidas; o encontro ía resultar tremendamente prácido para os locais e insulso para os espectadores que acudiron ao recinto municipal. Cun 23-9 ao descanso, o partido dábase por finiquitado e a eliminatoria estaba prácticamente sentenciada e con moi pouco aliciente para o encontro de volta.
Na continuación, non se produciría reacción algunha por parte do BM.Culleredo e os segundos trinta minutos transitarían por un camiño sen interese para o siareiro e unha inercia no xogo que se cinguía simplemente á obrigatoriedade de cumprir o expediente.
En sete días, a volta da eliminatoria resolverase en Tarrío (Sábado 20:00h), aínda que a diferenza adquirida polo "Sedona" deixa resolta a mesma salvo milagre. O BM.Culleredo deberá de mostrar un cambio radical nese encontro, xa que será o último antes de a fase de ascenso, evento onde só o 100% das súas capacidades e as súas mellores prestacións, poderán levar ao equipo ao ascenso de categoría.

Magope Seis Do Nadal: 40(23+17). Gerard Conill (P), Andrea Marie (P), Santiago Iglesias (1), Marcos Domínguez (1), Iago López (2), Xabier Reveriano Soutullo (1), Raul Noguerol (1), Iago Cameán (2), Bruno Cela (15), Xoán Otero (8), David Rial, Samuel Couto (8), Jorge Gayo (1).

BM. Culleredo : 23(9+14). Jorge López (P), Cristian Vigo (p), David Martínez (2), Martín ínsua (2), Miguel Casal (1), Nuno Loxo, Marco García (1), Marcos Vázquez (1), Iago Ferreiro (2), Carlos Costa (1), Senén Garea (3), Darío Pérez (3), Adrián Rodríguez (3), Juan Salvador (2), Álvaro Fdez (2).

Parciais cada 5´: 4-2 / 9-3 / 10-4 / 14-4 / 19-7 / 23-9 / Descanso / 27-10 / 29-11 / 30-14 / 33-16 / 36-19 / 40-23 / Final.

Colexiadas: Paula Fontán e Sergio Murillo.

Incidencias: Semifinal da Copa Federación na 1ª autonómica, categoría senior masculino. Partido disputado no municipal de Travesas (Vigo) con pouca afluencia de público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *