Saltar ao contido

O BM. CULLEREDO, ÁLZASE AO LIDERATO EN SOLITARIO

Segunda semana consecutiva na que os xugadores do BM. Culleredo Sweepend enfrontabanse a un equipo que compartía liderato con eles. Se a semana pasada os cullerdenses saían airosos do esixente duelo ante o Grupo Lemaco Xiria "A", onte Sábado fixeron o propio co Cisne Colexio Los Sauces de Pontevedra e conseguen, deste xeito, permanecer invictos e alzarse ao liderato en solitario.

O conxunto pontevedrés plantexou o encontro de forma excepcional, intentando levar o mesmo a un ritmo máis lento e xogar no posicional con ataques longos. O plan obedecía a contrarrestar o ritmo alto no que os de Culleredo se manexan mellor e dominar polo tanto o envite no contexto no que puidesen sacar beneficio. Sairíalles ben o plan durante os primeiros vinte minutos, xogando con calma e criterio no posicional, facendo dano ao 6:0 local en situacións de 2x2 entre a primeira liña e o pivote. A igualdade era unha constante, xusto ata que se procedeu o cambio defensivo dos cullerdenses a 5.1. Con este sistema, a primeira liña foranea veríase sorprendida e desenvolvida case de inmediato e o equipo de Culleredo collería enseguida unha renda de tres goles grazas a outras tantas interceptacións. Fortes na retagarda, o BM. Culleredo Sweepend comezaría a atopar as súas sinais de identidade, impondo agora a velocidade para dominar ao descanso por un cómodo 20-15.

Malia que na continuación o conxunto da cidade do Lérez conseguiría reducir a diferenza ata os tres goles, o BM. Culleredo Sweepend non se descompoñería e continuaría madurando o partido para rematalo de forma contundente no momento que as forzas dos xogadores do Cisne comezaban a flaquear. As rotacións e o ritmo frenético terminarían por decantar a balanza do lado dos cullerdenses, que cun 41-26 conseguen, ademáis de dous puntos vitais, unha diferencia de goles que pode ser importante no futuro da liga.

BM. Culleredo Sweepend: 41 (20+21). Marco González (P), Hugo Díaz (P), Iago Vázquez (2), Jaime Serrano, Atalo Bello (3), Adrián Veira (2), Iván Sánchez (9), Aaron Blanco (1), Antón Pérez (1), Samuel Seijas (9), Josemi Martínez (8), Nicolás Casal, Alejo Martínez (4), Anxo Negreira (2).

Cisne Colegio Los Sauces: 26 (15+11). Antón Rodríguez, Brandol Antonio Ferreira (1), Antonio Rey (1), Alejandro Arias, Javier Costa, Pablo Pazos (4), Román Latas, Matías Gestido (3), Pedro Ángel Gutierrez (1), Roque Díaz, Adrián Veiga, Manuel Hernández (10), Adrián Lago, Xoel Lago (5), Yago Martínez (1), Mateo Monteagudo.

Colexiados: Henrique Folgoso e Raquel Martínez.

Incidencias: Xornada nº 6 da Liga Ouro na categoría cadete masculino, disputado no municipal de Almeiras cun cheo nas bancadas e moi bo ambiente de balonmán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *