Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es cae derrotado na primeira xornada de liga

Arrancaba esta fin de semana a Liga Ouro e ao noso equipo xuvenil masculino tocáballe debutar na pista do Cisne Colegio Los Sauces, o campión das últimas tempadas e sen dúbida un dos máximos aspirantes ao título.

O Culle saíu disposto a plantar cara ao equipo pontevedrés, e unha das claves era conseguir manter o nivel defensivo que xa mostrara nos partidos anteriores á liga. Aínda que o centro da nosa defensa seguía aparecendo sólido, o equipo local buscaba unha e outra vez as penetracións dos seus laterais por zonas exteriores, o que poñía en dificultades á nosa defensa.

Por outra banda, no noso ataque, os goles ían chegando, aínda que o xogo colectivo era moi limitado, con pouca continuidade, polo que o éxito chegaba case sempre de accións individuais. Malia todo, no minuto 25, o marcador reflectía un 15-12 para os locais que deixaba todo por resolver.

Pero foi neses últimos cinco minutos do primeiro tempo cando as nosas opcións se esfumaron. Un parcial de 6-1 a prol dos pontevedreses deixaba un complicadísimo marcador de 21-13 no descanso, provocado polos erros inocentes que permitían contras fáciles do Cisne.

Na segunda metade, os nosos non se renderon, e seguimos loitando ata o último minuto, pero as presas e a desesperación non facían máis que empeorar as cousas, pecando dos mesmos problemas defensivos ante as penetracións do rival polos laterais, e moi limitados en ataque, onde o máis destacado foi a segunda liña: a pesar de non poder contar con Iago Bescansa no pivote (descalificado no minuto 31), as constantes conexións de Nuno Loxo asistindo desde o central a Josemi Martínez eran a nosa arma máis efectiva, complementada cos goles desde os extremos de Senén Garea e moi especialmente de Lucas Sánchez, moi atinado tanto en ataque posicional como nas transicións.

En definitiva, un dos partidos máis complicados desta liga, especialmente para os xogadores de primeiro ano con menos experiencia, pero non é máis que o primeiro asalto. Seguiremos loitando!

Cisne Colegio Los Sauces 38 (21+17): Salvador Montes, Manuel Lorenzo (3), Miguel Sierra (2), Carlos Morales (5), Hugo Pérez (1), Breixo Fentanes (1), Pedro Fernández (6), Adriám Rey (3), Martín Santos (2), Denis Iglesias (5), Juan González (1), Xoán Fernández (7), Roi García (2) e Hugo Casal.

Culleredo despreocupate.es 26 (13+13): Juanma Pérez, Iago Bescansa, Lucas Sánchez (6), Víctor Sala, Josemi Martínez (9), Shaiel Costa, Teo Calvo (2), Daniel González (1), David Martínez (1), Nuno Loxo (4), Pablo Fariña, Diego del Río, Adrián Veira e Senén Garea (3).

Árbitros: Abel Juncal e Andrea Martínez.

Incidencias: partido correspondente á primeira xornada da Liga Ouro disputado no Pavillón Multiusos da Xunqueira (Pontevedra).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *