Saltar ao contido

Vitoria con autoridade do Culleredo despreocupate.es

A Liga Ouro xuvenil masculina chega á súa recta final, e nesta xornada aos nosos tocáballes recibir ao BM Tui, segundo clasificado e aínda con opcións de ser campión. E o noso equipo non se presentaba á cita nas mellores circunstancias. Nunha tempada na que as baixas castigaron a este grupo, unha vez máis a lista de participantes era moito menor do desexable.

O Tui arrancou o partido cun ritmo infernal, fieis ao seu estilo habitual que fai da velocidade a súa mellor arma, e conseguiron a primeira vantaxe no marcador (2-5). Pero o Culle só tardou uns minutos en adaptarse e logo de empatar a 7, serían os de casa os que levarían a iniciativa, tanto no xogo como no marcador. O Tui só conseguía facer dano usando a súa velocidade, tanto en contraataques como en accións de contragol, pero en ataque posicional non eran quen de superar a defensa local, moi firme durante todo o partido.

Na outra área, o noso ataque rompía con relativa facilidade unha e outra vez a defensa rival. O Tui, moi pendente de frear o noso lanzamento exterior, adiantaba moito as súas liñas, pero o Culle conseguía encontrar con facilidade tanto ao pivote como aos extremos. Ao descanso, vantaxe de dous, 17-15, pero con sensacións de que podía ser maior.

Ao pouco de iniciar a segunda metade, Nuno Loxo quedaba fora de combate ao recibir nunha coxa un fortísimo golpe co xeonllo dun xogador tudense, o que nos fixo pasar unha fase de xogo con máis problemas, botando en falta tanto a súa faceta anotadora como a labor de dirección do equipo no xogo ofensivo.

Pero hai días nos que as dificultades só están aí para ser superadas, e o equipo se repuxo, e a pesar da escaseza de xogadores, todos e cada un dos presentes decidiron que este partido non se ía perder. Rendendo todos ao seu mellor nivel, conseguiron superar ao Tui, tanto en defensa como en ataque, para chegar á recta final do encontro con vantaxe suficiente para non pasar apuros, ata conseguir o 36-33 final.

Sen dúbida un dos mellores partidos desta tempada para o Culle, ao que só lle resta unha última xornada para finalizar a liga, que afrontará buscando unha improbable carambola: gañar de máis de 10 ao Porriño e esperar que o Xiria empate ou perda fronte a Cangas, para conseguir meterse no Play-Off, que podería proporcionarlle unha praza para disputar o campionato de España.

Culleredo despreocupate.es 36 (17+19): Xoel Garrido (1), Marín Insua (4), Jorge López, Lucas Sánchez (1), Víctor Sala, Mateo Díaz (3), Adrián Veira (1), Samuel Seijas (2), Nicolás Pérez (5), Nuno Loxo (8), Alejo Martínez (3) e Senén Garea (8).

CB Tui 33 (15+18): Manuel Rodríguez, Anxo Vila, Diego Rodríguez (11), Miguel Pena (1), Lucas Ramos (1), Pedro Pérez, Jorge Domato (3), Lois Estévez (2), Carlos Correia, Anxo Álvarez (2), Mateo Moroño, Hugo Rodríguez, Pablo Gándara (12), Hugo Ramos, Álex Dacuña e Iker Balado (1).

Parciais cada 5 minutos: 2-5 / 6-7 / 9-9 / 13-12 / 15-14 / 17-15 (Descanso) / 21-21 / 23-24 / 27-27 / 30-29 / 33-29 / 36-33 (Final).

Árbitros: Pablo Torreiro e Iván Hernández. Sen complicacións.

Incidencias: partido correspondente á 17ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina, disputado no Pavillón de Almeiras cunha importante afluencia de público e un gran ambiente nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *