Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DILÚESE NO SEGUNDO ACTO

Onte Sábado, o pavillón municipal de Tarrío luciría as súas mellores galas para albergar o encontro da xornada entre dous dos aspirantes ao título. O "PARTIDO GENERALI", en referencia a un dos patrocinadores do club, destacaba por encima de todos na xornada nº 11, a última da primeira volta. E, como non pode ser de otra maneira, un invitado de luxo, o axente de Generali en exclusiva para Culleredo, Francisco Méndez, tamén estivo presente neste envite tan importante como un siareiro máis do BM.Culleredo.


Comezaría o encontro cun BM.Culleredo dominador en tarefas defensivas e tamén asumindo as primeiras vantaxes no electrónico. A toma e daca era constante, os locais non conseguían abrir brecha e os olívicos afianzábanse no seu modelo co paso do tempo. Faltaba quizá, algo máis de ritmo nos cullerdenses, explotar e sacar partido ao éxito defensivo coa súa velocidade ao contraataque, tanto en primeira como en segunda onda, aínda que o vento seguía soprando a favor grazas ás óptimas situacións de lanzamentos desde máis aló dos 9m, con Iago Franco e Marcos como protagonistas nas accións de cruces entre central e lateral esquerdo.Só as imprecisións, as malas decisións e os erros non forzados, poñerían en bandexa situacións francas en contraataque para os visitantes. O balance defensivo do BM.Culleredo era deficitario e nun dicir amén, o BM.Lavadores adiantábase no marcador a falta de cinco minutos (12-13). Con todo e iso, os de Culleredo reaccionarían e o envite chegaba ao tempo de descanso con táboas no marcador e todo por dilucidar (14-14).


Nos primeiros instantes da continuación, é cando chegaría un cambio de rumbo total e incomprensible; o BM.Culleredo, que ata o momento estivera por diante no marcador durante a maior parte do encontro, encaixaría un primeiro parcial e 1-4 aos cinco minutos e outro de 2-9 aos dez, que entregaría o partido ao conxunto de Vigo, pasando en pouco tempo de ser un encontro rifado e igualado, a estar totalmente decantado para os visitantes. As perdas de balón e os erros non forzados, pasaron a ser unha constante, acumulándose de forma consecutiva e poñendo en bandexa a vitoria ao BM.Lavadores, que tan só tiña que aproveitar estes erros para aumentar a diferenza de forma sinxela, ao contraataque e en situacións sós ante o porteiro local. A partir de aquí, a frustración e a tensión competitiva entraría en acción e os cullerdenses abandonarían o seu modelo de xogo para irse diluíndo en situacións baleiras de 1x1. Nin o cambio defensivo a 5:1, nin o xogo 2:4 no posicional, reverterían á situación dun BM.Culleredo que cedería os primeiros puntos como locais.


Os xogadores do BM.Culleredo xa pensan no seguinte partido, no que tamén actuarán como locais e que tentarán sexa o punto de inflexión para mellorar o seu xogo colectivo e continuar aspirando desta forma a esa primeira praza que agora está a tres puntos de distancia.

BM. Culleredo: 23 (14 + 9).  Oscar Bello (p), Cristian Vigo (p), Senén Garea, Alberto Catoira, Iago Franco (5), Mario Crecente (1), Álvaro Fdez (1), Iago Ferreiro, Daniel Del Río (2), Marcos Vázquez (3), Diego Gago (5), Darío Pérez, Adrián Díaz, Daniel De Salvador (3), Aresi, Miguel Casal (3).

U.B.Lavadores Vigo: 32 (14 + 18). Miguel Jiménez, Adrián Suárez (7), Martín Alonso (1), Alberto Romero, Diego Pérez (9), Mario Oterino (2), Diego Lluque (6), Diego Fdez (2), Alexandre Silva, Fernando Mallo, David Veloso (5), Asier Cerqueira, Pedro Cerqueira, Cistobal Covelo, Roberto Martínez, Pablo Cazapal.

Árbitros : Ángel Mateos e Christian García. 

Incidencias:  última xornada da primeira volta na 1ª autonómica masculina. Partido disputado no municipal de Tarrío con moi boa entrada e a presencia de Francisco Méndez, axente en exclusiva na zona de Culleredo para Generali, patrocinador do clube.

Fotos do encontro en:

https://photos.google.com/share/AF1QipNk_KIZ3tkGlAMiOj0FCK4A5GoeTDvXnErYnDRvlfzfDJzV0VAyE7CtZk2QuctlCA?key=NXYyVnlYTm5STGNwdWZveVdvTTdaY014TmVJekJR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *