Saltar ao contido

EXCELENTE TEST DO BM.CULLEREDO ANTE O CALVO XIRIA

Non todos os días pode haber un enfrontamento tan motivador para un equipo, como examinarse ante un conxunto de categoría superior que ademáis leva colgada a etiqueta de campión dunha liga nacional. Esa é a bitola que na actualidade posúe o Calvo Xiria de Carballo e que onte foi rival do BM. Culleredo nun partido amigable. Como xa ocorrese hai unhas semanas en Tarrío, no marco das festas de Culleredo, ambos os conxuntos volvíanse a enfrontar, esta vez en terras bergantiñás, concretamente, no municipal Vila de Noia.

Con ese plús de motivación e ilusión que dá o medirse a un conxunto de soleira, saíron os xogadores cullerdenses ao 40x20 do municipal carballés e, tras úns primeiros minutos de igualdade, conseguían adiantarse no marcador con vantaxes mínimas, que co paso dos minutos ampliaríanse ata os catro goles de diferenza (4-8). O BM. Culleredo estaba a funcionar de forma notable na súa retagarda (mellor en 6:0 que en 5:1) e mostraba no posicional unha clarividencia no xogo de ataque que lle levaba a conseguir múltiples solucións cara á portería rival. Eran os mellores minutos dun conxunto que estaba a competir de maneira sobresainte. Reaccionarían entón os locais nos instantes finais do primeiro acto, especialmente da man de Gabriel Castiñeiras, que cos seus lanzamentos exteriores, axudaba ao seu equipo a reducir as distancias á mínima expresión cando quedaban cinco minutos para o tempo de descanso (11-12). Metidos de cheo no momento no que estaban a amosar as súas mellores prestacións, o Calvo Xiria conseguía tomar a dianteira no marcador, xusto no instante no que a chicharra anunciaba o tempo de descanso.

Os de Carballo entraron na segunda parte co ronsel que lles acompañou nos instantes finais da primeira e conseguían un 4-2 de parcial que ampliaba a vantaxe cando se cumpría o minuto 35 (18-15). O BM. Culleredo estaba a ter moitísimas dificultades no repregamento, situación que non conseguiría solucionar nos segundos trinta minutos. Esta sería unha enorme vantaxe para o Calvo Xiria, que nadaba como peixe na auga podendo despregar toda a velocidade do seu xogo. As precipitacións en ataque por parte do conxunto de Culleredo, ofrecían aos locais a posibilidade de lanzar rápidas transiccións dende a súa defensa e terminarían por resolver o encontro de forma cómoda e con moi poucos ataques posicionais neste tempo.


Excelente test do BM. Culleredo polo tanto para seguir coa súa preparación cara ao comezo de liga e partido con dúas caras ben diferenciadas de ambos os equipos cunha parte para cada un deles.

Calvo Xiria 34 (14+20): Antonio Mato (p), Rökkvi Pacheco (p), Carlos Guisasola, Edu Cousillas, Manu Méndez, Diego Antelo, Mario Cancela, Jorge Bouzas, Carlos Varela, Fran Rey, Álex Gómez, Diego Vega, Gabriel Castiñeiras, David Gª Pichel e Aaron Rodríguez.

BM.Culleredo 25 (13+12): Antonio Vieiro (p), Oscar Bello (p), Mario Crecente, Miguel Casal, Iago Franco, Iago Ferreiro, Marcos Vázquez, Martín Ínsua, Daniel Del Río, Aresio Rosende, Albero Catoira, Daniel De Salvador, Adrián Díaz, Darío Pérez, Mateo Díaz.

Marcador cada 5 minutos: 1-2, 3-4, 4-7, 7-10, 11-12, 14-13 (descanso), 18-15, 22-18, 26-18, 30-20, 32-23, 34-25.

Incidencias: Partido amigable disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia ante uns 75 afeccionados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *