Saltar ao contido

O BM. Culleredo imponse ao OAR no derbi dos oitavos de final da Copa Galicia

Na tarde noite do pasado sábado, alzábase o pano dunha nova e ilusionante tempada para o BM. Culleredo. Os alicientes eran moitos e variados, xa que á estrea do conxunto senior nesta pretemporada, engadíase a importancia relativa de ser un primeiro partido oficial engalanado en forma de derbi ante o OAR da Coruña. A maiores, a posibilidade de contar con público no municipal de Tarrío, aínda que con aforo reducido debido ás medidas COVID, conformaban un coctel atractivo para acudir a un evento balonmanístico de interese.

O BM. Culleredo, chegaba a este encontro despois de tres semana de traballo co gran reto e a ilusión que sempre supón enfrontarse a un conxunto de categoría superior, máxime despois dos grandes reforzos do OAR, que o converte, por dereito propio, nun conxunto aspirante a todo na primeira nacional desta tempada 2021/22.

Sen complexo algún e como un auténtico vendaval, saltou o conxunto cullerdense ao 40x20 do municipal de Tarrío, establecendo unha diferenza de 7-2 que provocaba a reacción do técnico visitante solicitando o seu primeiro tempo morto nos primeiros minutos. As consígnas do banco coruñes producían efecto e un 0-3 de parcial reducía as diferenzas para poñer de novo a incertidume no electrónico. Os locais mantiñan o seu plan de partido, tentando imprimir un ritmo alto ao mesmo e realizando múltiples rotacións con todos os xogadores convocados. O BM Culleredo sería dominador no electrónico a maior parte do tempo, aínda que o seu rival non perdería corda ao envite, tanto así, que os dous equipos retiraríanse a vestiarios con máxima igualdade despois dos primeiros trinta minutos (16-16).

Foi na continuación cando o conxunto bermello deu o golpe definitivo ao seu rival. A saída na segunda parte sería de novo fulgurante e as diferenzas ampliaríanse considerablemente nos primeiros minutos para situarse nunhas distancias cómodas, ao redor dos 4,5 e ata 6 goles. As tres semanas de preparación dos de Culleredo por unha dos coruñeses (14 adestramentos ante os 3 do OAR), evidenciarían neste momento do partido unha diferenza clara en canto ao ton físico e, aínda que os erros de precisión, propios deste período preparatorio acumulábanse por ambos os conxuntos, penalizaban moito máis ao equipo que se atopaba máis necesitado nos seus guarismos.

Os locais aproveitarían esta circunstancia e as súas múltiples rotacións para manter ese ritmo alto e regular durante os sesenta minutos e imporse con solvencia a un gran conxunto como o coruñés. Os xogadores deron os seus primeiros pasos e puideron ter as súas primeiras sensacións para ir axustando aos poucos as ideas do modelo de xogo e puxeron a primeira pedra de forma sobresainte na procura dos automatismos e os vínculos entre postos lindeiros para establecer e dominar o estilo que encamiñe a este grupo aos obxectivos marcados. Destacar o bo facer e a excelente predisposición para competir de todo o plantel, xa que todos e cada un sumaron positivamente para conseguir este logro, así como os xuvenís convocados, Mateo Díaz e Martín Ínsua, que tiveron unha actuación realmente destacada.

BM. Culleredo: 32 (16+16). Antonio Vieiro (p), Oscar Bello (p), Alberto Catoira (2), Marcos Vázquez (4), Miguel Casal (3), Iago Ferreiro (2), Aresio Rosende (2), Diego Gago (4), Iago Franco (2), Mario Crecente (1), Daniel De Salvador (3), Mateo Díaz (2), Daniel Del Río (2), Martín Ínsua (2), Darío Pérez (2).

OAR Coruña: 27 (16+11). Kevin Dacosta, Martín Alfeirán (1), Diego Martínez, Juanka Ortíz (8), Juan Pereira (2), Pedro Pereira (3), Adrián Pérez, Joel Rábade (1), Diego Piñera (2), Mateo Martín (1), Pablo Martínez (6), Ramón López, Richard De Jesús, José Pereira (3).

Colexiados: Pablo Barreiro e Christian García. Sen complicacións.

Incidencias: Derbi provincial dos oitavos de final da Copa Galicia disputado no pavillón de Tarrío ante 115 afeccionado que puideron disfrutar dun excelente encontro de balonmán.

Imaxes do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *