Saltar ao contido

O BM. CULLEREDO TÉCNICOS 115 CLASIFÍCASE PARA A LIGA OURO

Vitoria incontestable do Técnicos 115 fronte ao OAR na final particular entre os dous conxuntos por conseguir a clasificación para a liga ouro na categoría xuvenil masculina.

Os dous equipos chegaban a este partido igualados a cinco puntos na táboa clasificatoria e igualmente cun empate no partido que os enfrontou na primeira volta en Coruña. A segunda praza estaba en xogo, esa que daría ao vencedor a clasificación segura para a liga Ouro da categoría e que deixaría ao perdedor pendente dos resultados doutros grupos.

Os rapaces de Culleredo saíron á pista centrados nun único obxectivo e apoiándose nun traballo defensivo serio superaron ao seu rival desde o inicio. O técnico visitante víase obrigado a pedir o seu primeiro tempo morto aos poucos minutos do comezo do envite e o 7-2 que reflectía o electrónico no minuto 10, convidaba o optimismo por parte do equipo local. Os cullerdenses sacaron partido ao contraataque en primeira e segunda onda e isto fixo un enorme dano ao OAR, que non era capaz de frear as acometidas no seu repregamento.

No posicional, o Técnicos 115 non se complicaba en exceso e simplemente con minimizar as perdas de balón e conseguir unha mellor selección de tiro que en anteriores partidos, completarían un primeiro tempo correcto e conseguirían unha cómoda vantaxe ao descanso (16-10). Quedaban 30´para referendar o bo facer e culminar o traballo coa desexada clasificación.

Sen un chisco de confianza a pesar da diferenza, sairían os locais ao parquet do pavillón de Almeiras no segundo acto e asinando un guión similar ao do primeiro tempo, coa defensa e o contragolpe como principais bastións, terminarían por confirmar esa segunda praza do grupo e polo tanto, a clasificación para a liga ouro. O BM. Culleredo non baixaría en ningún momento o ritmo e as diferenzas iríanse aumentando paulatinamente ata o 36-25 final cunha boa contribución de todos os xogadores do equipo.

BM.Culleredo Técnicos 115: 36 (16+20). Jorge (p), Oscar (p) (1), Brais Pérez (1), Xoel Garrido, Pablo Gómez (6), Daniel Del Río (9), Manuel Gómez, Guille Seijo, Nuno Loxo (6), Senén Garea (3), Mateo Díaz (4), Adrián Díaz (5), Guille Briones, Iago Chao (1).

OAR Ciudad: 25 (10+15). Alejandro Arcas, Marcos López, Miguel Conde (1), Juan Pereira (2), Adrián Pérez (7), Mateo Martín (2), Antón Mogin (4), Joel Rabade (5), Álvaro Deus, Efrén Oviaño (2), Nicolás Pérez (2), Diego Infante, Diego Piñera, Miguel Conde, Marcelo Fuentes, Ramón López, Pablo De Prado.

Parciais cada 5´: 3-1 / 7-2 / 7-3 / 10-6 / 13-9 / 16-10 /Descanso/ 21-11 / 24-13 / 26-15 / 31-19 / 32-21 / 36-25 / Final.

Colexiados: Angel Mateos e Iván Hernández.

Incidencias: Encontro que foi aprazado no seu día e derradeira xornada da primeira fase no grupo 6 da liga xuvenil masculina de balonmán. O encontro disputouse no pavillón de Almeiras.

Instantáneas do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *