
Derbi coruñés da Liga Ouro en Almeiras, onde as nosas guerreiras recibían o Línea 21. O Sutenor, que aínda non sumara ningunha vitoria, tiña unha boa oportunidade para lograr ese triunfo tan agardado. E así foi. Despois do sufrimento e do traballo dos encontros anteriores, o esforzo de todas as xogadoras tivo por fin a súa recompensa.
O encontro comezou moi ben para as nosas guerreiras, que atoparon espazos na defensa 3:3 do equipo visitante grazas á disciplina nos desmarques. O xogo entre liñas causoulle moitos problemas á defensa coruñesa, que mantivo as marcaxes moi individualizadas. O Sutenor aproveitou eses espazos para acadar vantaxes de ata oito goles.
En defensa, o Sutenor apostou por un 5:1 cunha marcaxe férrea sobre as xogadoras máis desequilibrantes do equipo visitante. Así conseguiu frear boa parte do ataque rival, interceptar balóns e saír ao contraataque. As cullerdenses tamén recorreron á defensa mixta, na que fixeron un traballo impecable.
Ao descanso · BM Culleredo Sutenor 19–12 BM Línea 21
No inicio da segunda metade, o equipo cullerdense tivo algunhas dúbidas en ataque e o Línea 21 aproveitounas para recortar distancias. A presión visitante complicou a circulación do balón, pero as nosas guerreiras recuperaron pronto o mando. As boas conexións entre as xogadoras e a variedade de solucións en ataque volveron poñer en apuros a defensa rival.
O Sutenor conseguiu frear de novo o ataque visitante, aínda que o Línea 21 seguiu facendo dano polas zonas exteriores. As cullerdenses mantiveron o control do encontro e defenderon a vantaxe ata o final.
Esta vitoria vale máis ca dous puntos. É o premio ao esforzo, ao compromiso co club e aos valores que este grupo leva demostrando desde o inicio da tempada, dentro e fóra da pista.
Parabéns polo traballo de cada semana e por esta vitoria tan agardada!
Resultado o final do encontro: Bm Culleredo Sutenor 37- Bm Linea 21 . 29
Bm Culleredo Sutenor: Helena Portas, Aroa Martinez, Aldara Allegue, Aroa Bestilleiro, Salma Martinez, Noa Albela, Candela Tizón , Emilia de Castro , Sara Villar, Noa Otón , Aitana Gestal , Carmen García, Sofia Orge y Yasmin Gabarri.
Bm Linea 21 : Adara Cordeiro, Ainara Castiñeira, Valeria Rio , Marta Lago , Carla Vazquez, Rachel Ortiz, Elena Aneiros, Angie León , Noa Sanmartin , Lía Martinez.
Árbitros: Hugo Bello y André Pena
Incidencias: 6ª Xornada da liga ouro cadete feminino , disputado no pavillón municipal de Almeiras.
