Saltar ao contido

MAGNÍFICA EXPERIENCIA DE MARIO CRECENTE E MIGUEL CASAL NO ALL STAR DA FGBM

Tal e como anunciabamos a pasada semana, Mario Crecente e Miguel Casal, xogadores do equipo senior do BM.Culleredo, ían participar no All Star mixto organizado pola FGBM o sábado día 26 no pavillón da Casqueira en Pontedeume. A experiencia resultou máis que satisfactoria, tal e como nos transmiten os dous xogadores e mesmo houbo premio nas diferentes probas que e realizaron.

A organización do excelente evento, déixanos marabillosas instantáneas dos dous xogadores cullerdenses, captadas polas cámaras de Brais e Patricia, os dous grandes fotógrafos que traballan coa FGBM nas numerosas actividades e competicións nas que esta federación participa. Tanto a foto de cabeceira desta crónica como as da galería, son boa mostra do bo facer de ambos os dous fotógrafos e déixanos unha idea clara e un excepcional recordo dos dous xogadores do BM. Culleredo.

Ambos os xogadores chegarían ás 16:30 ao momento de encontro e despois de pasar o control de temperatura e test serológico, esperarían a quenda para comezar a cambiarse en grupos reducidos, medidas adoptadas no protocolo COVID.
Mario sería o máis madrugador e comezaría competindo na proba de lanzamentos, pasando a primeira rolda e quedando terceiro na segunda, a puntiño de chegar á final. Máis tarde, a súa participación no concurso de 7m resultaría aínda máis exitosa e o bravo extremo cullerdense alzaríase coa vitoria final.

Miguel, pola súa banda, tivo tamén dúas participacións, tanto na proba de habilidade como no partido mixto entre xogadores e xogadoras dos diferentes equipos da primeira categoría autonómica. Os dous xogadores resaltan a excelente organización, o excepcional ambiente entre participantes e, en definitiva, a positiva experiencia da que foron partícipes e que sen dubidalo repetirían.

Unha satisfacción para o club e un recoñecemento ao labor destes mozos e o resto de compoñentes do equipo masculino do BM. Culleredo.
Parabéns, Mario e Miguel, merecédesvolo!!!!.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *