Saltar ao contido

Fin de tempada: rematou a Paredes Cup

Rematou a participación dos nosos cadetes e xuvenís no macro torneo portugués.

O cadete A, caeu derrotado na final do torneo fronte ao Padroense F.C. por 23-19. Os portugueses xogaron a un gran nivel, e púidose ver un bonito espectáculo na pista central de Paredes. Os erros no lanzamento a portería dos nosos resultaron definitivos para non conseguir a vitoria. Malia todo, gran torneo dos nosos cadetes de segundo ano, que deixaron unha moi boa imaxe.

O cadete feminino conseguiu finalmente a medalla de bronce, logo de que o seu rival na final de consolación non se presentase por mor da coincidencia de horario coa competición de balonmán praia.

O cadete B clasificou 18°, ao caer derrotado hoxe, de novo nun encontro que se tivo que decidir nunha tanda de lanzamentos de 7m, aínda que esta vez non estivemos tan afortunados. Boa experiencia competitiva para estes xogadores, todos eles aínda de primeiro ano.

Finalmente, o equipo xuvenil clasificou 12°, tras perder 21-23 coa SAR de Redondela (equipo da división de honra galega), nun partido no que os dous equipos, moi tocados fisicamente, disfrutaron dando un bonito espectáculo con xogadas de fantasía, máis preocupados por divertirse na despedida do torneo que en conseguir a vitoria. Moi bo torneo dos nosos maiores, que pese a competir con poucos efectivos, estiveron a moi bo nivel.

Gran experiencia para todos os integrantes da expedición, tanto no deportivo como fóra da pista. Excelente colofón para unha tempada chea de satisfaccións para todo o noso club.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *