Saltar ao contido

O SWEEPEND CULLEREDO GAÑA O DEREITO A SOÑAR EN 24 HORAS

Despois de 18 xornadas loitando contra os infortunios en forma de lesións, a frustración por non puntuar e a laxa que supoñía a diminución do cadro de persoal, o Sweepend Culleredo demostrou, esta fin de semana, un dos maiores exemplos deportivos de persistencia e loita, de entrega e superación e conseguíu, en 24 horas, o que non puidera lograr nos catro meses anteriores. O segundo triunfo da tempada, que chegaba onte Sábado ante o BM.Galdar, liberaba mentalmente aos xogadores e daba un xiro de 180° ao equipo, que agora ve un obxectivo claro polo que competir. O encontro disputado ante o BM.Tejina o día anterior, foi sen dúbida un punto de inflexión para que os cullerdenses saísen neste segundo encontro da fin de semana cunha disposición e unha actitude moito máis positiva, acompañando o ánimo cunha predisposición e intensidade óptima para competir contra o conxunto Gran Canario. A pesar que o comezo non foi o desexado e os insulares entraron con moita forza no partido, chegando a dominar por 1-6, o conxunto de Culleredo non se desarmaría e aos poucos iría endereitando o seu rumbo para comezar a sumar accións exitosas na faceta defensiva e xogar con maior disciplina colectiva no posicional. Con todo iso, a última acción do primeiro acto deixaba mal sabor de boca na parroquia local, xa que da posibilidade de afrontar o tempo de descanso cunha mínima diferenza en contra, o Galdar abría brecha ata os tres goles (14-17). Todo quedaba por dilucidar nos segundos trinta minutos e daba a impresión de que o Sweepend Culleredo non dixera a súa última palabra.
Na continuación, o encontro quedaba aberto a unha loita de poder a poder, cos cullerdenses entregados na procura da súa segunda vitoria e o gran equipo canario defendendo con fiereza o dereito para levar algo positivo de Tarrío. A bancada estaba a gozar dun envite apaixonante, de alta tensión, onde a incerteza do resultado final mantiña o nerviosismo a flor de pel nun ambiente deportivo do mellor que se puido vivir no municipal do pobo. A éxtase chegaba no meridiano deste segundo acto, cando o Sweepend Culleredo ,facendo gala dos seus mellores minutos, colocábase por diante no marcador (25-24). A recta final non sería apta para cardíacos, con igualadas e mínimas diferenzas para os un e os outros e nos instantes finais, cando a balanza podíase inclinar para calquera lado, o Sweepend Culleredo sería o bendicido nesta ocasión e levaríase dous puntos vitais para entrar de cheo nunha dinámica positiva e ilusionante.

Sweepend Culleredo : 33 (14+19). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Samuel Seijas (1), Iván Sánchez, Alberto Catoira (1), Carlos Costa, Marcos Vázquez (1), Mario Crecente (8), Pedro Pereira (1), Daniel Salvador (4), Adrián Díaz (2), Carlos Martín (3), Iago Ferreiro (3), Nuno Loxo (8), Senén Garea (1), Darío Pérez.

BM. Galdar - Gran Canaria: 32 (17+15). Hugo Manuel Gómez, Sergio Wagner (5), Emiliano M. Villaverde (7), Saul Rodríguez, Joaquín Molina (3), Juan A. Godoy, Carlos Mederos (1), Nicolás Dieguez (1), Alejandro Castellano (2), Yanis Ramírez (8), Pablo J. Barrera, Saulo López (4), Derek Pulido (1).

Parciais cada 5´: 1-3 / 3-7 / 5-11 / 9-13 / 11-15 / 14-17 / Descanso / 17-20 / 20-22 / 25-24 / 26-26 / 29-29 / 33-32 / Final.

Colexiados: Pablo Torreiro e Julio Villanueva.

Incidencias: Partido correspondente a 18ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado nun municipal de Tarrío abarrotado por seguidores do BM.Culleredo que non pararon de animar e levaron en volandas ao seu equipo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *