Saltar ao contido

Xosé Antonio Touriñán Rodríguez, un dos nosos!

Hoxe volvemos cunha sección a cal vos gustou moito na súa primeira publicación! Esta nova entrega é dunha persoa que seguramente tod@s coñecedes, o humorista, actor e presentador Xosé Antonio Touriñán Rodríguez, “Touri”.  Pois aínda que algúns non o soubesen, Touri forma parte da historia do clube, sendo un dos pioneiros do balonmán en Culleredo como clube e donde de vez en cando participa en partidos cos nosos veteranos!

A continuación deixámosvos unhas fotos da súa traxectoria ao longo dos anos que pasou no clube e unhas preguntas que nos respondeu, para que todos os cullerdenses poidades saber un pouco máis da historia de Touri no clube.

A) A que anos empezaches a xogar ao balonmán?

Con 12 anos, penso que o primeiro partido que xoguei foi no 1992, o primeiro do que foi o Grupo Mar, o 1º clube de balonmán de Culleredo. 

B) De todos os anos vividos no clube, cal é para ti o recordo máis bonito que tes da túa historia deportiva no Balonmán Culleredo?

Pois o máis chulo e o mellor recordo é todo o que pasou eses anos, os amigos, as amigas, as viaxes, os torneos, as concentracións... Iso, anos fantásticos onde o balonmán centraba totalmente as nosas vidas.

Un recordo ben bonito tamén é o de ter coñecido a Raúl Entrerríos e á súa familia e ser amigo del aínda a día de hoxe. Cando eramos infantiles fixemos un intercambio co Grupo Astur, equipo de Xixón e a min tocoume convivir coa familia Entrerríos. Imaxina durmir na cama de Alberto... eu creo que algo do que fixo despois foi coa enerxía que eu deixei naquela cama.

C) Despois de tantos anos de balonmán imaxínome que haberá algunha anécdota graciosa que recordes.

Haberá mil das viaxes, os desprazamentos en bus eran moi divertidos. Recordo un torneo en Portugal onde nos rimos moito, desde almorzos de auga con polvos que nos dicían que era zumo, naranxas voando nos partidos e ata ratas nas habitacións... 

D) Hai algunha ensinanza que ti consideres que sacaches do balonmán e que consideres importante? 

O traballo en equipo, que o colectivo é o importante, tes que axudarlle ao do lado e el axudarche a ti; e sobre todo que as victorias e as derrotas lévanse mellor cando son compartidas.

E) En que posto xogabas máis ou che gustaba máis xogar cando eras un rapaz? 

Eu onde máis xoguei nas categorias inferiores foi de central, era onde máis me gustaba xogar, tamén me tocou algunha vez no lateral dereito. O curioso é que estiven convocado coa selección galega e onde máis xoguei foi no pivote.

F) E actualmente, como ves o clube? 

Mellor que nunca. Creo que o camiño é o correcto. Aínda que desde lonxe, vexo que o traballo que se está a facer, polos que antes foron os meus compañeiros, é estupendo. Agora tocarame acompañar aos meus fillos... espero que eles desfruten o mesmo que desfrutei eu deste deporte.

G) E unha última pregunta máis persoal, que proxectos de futuro tes agora mesmo?

No futuro non o sei, os proxectos que teño no presente van desde continuar desfrutando dos monólogos e do teatro con Fariña e Unha noite na praia. No audivisual acaba de estrearse a segunda tempada de Pequeñas Coincidencias en Amazon e tamén se estrea en marzo a 2ª de Justo antes de Cristo, en Movistar. Estou agora rematando de rodar outra serie para Netflix, que se chama El desorden que dejas. Teño unha peli no verán e tamén espero volver á TVG, que é a miña casa. Estes son os proxectos de agora, por iso non sei que pasará no futuro, teño moito choio no presente.

Touri xunto a Alberto Entrerríos
Touri xunto a Talant Dujshebaev
Touri xunto a parte dos veteranos nun partido do verán pasado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *