Saltar ao contido

Coñecemos Baía Edicións

Hoxe coñeceremos Baía Edicións, editorial fundada na Coruña, que traballa con varias liñas editoriais e que apoia ao Balonmán Culleredo. Para coñecelos un pouco máis, hoxe respóndenos a unhas preguntiñas unha das súas integrantes: Belén López Vázquez.

a) ¿Cal é a historia da empresa?

Baía Edicións fundouse en 1990 pola necesidade dun grupo de profesoras e profesores de dispoñer de recursos en galego e referidos a Galicia, que nese momento case non había, e tamén polo interese en contar cousas moi importates que temos pero das que ninguén falaba no momento, pois todo se collía de fóra.

Eu persoalmente empecei a traballar na empresa por ese mesmo interese.

b) ¿Que é o que máis che gusta do teu traballo? 

O que máis me gusta do meu traballo é a oportunidade de coñecer persoas que saben moito e máis da nosa terra, dos costumes, da natureza, a economía e que cren na importancia da educación, aman a súa profesión, aman a lectura e a cultura en xeral.

De todo o que fago o que máis me emociona é cando algún lector ou lectora me fai saber como se sorprendeu  ao  descubrir algo nun libro noso, como se divertiu lendo este conto ou o que se emocionou cunha novela e lle fixo pensar; tamén cando unha profesora ou profesor me di que esoutro libro lle axudou moito a dar unha clase, outra que fixo un menú delicioso cunha receta dun libro noso.. pero, sen dubida, o mellor momento como editora foi recibir unha carta dun neno que se notaba estaba aprendendo a escribir, no que se dirixía á protagonista duns contos nosos e a invitaba a comer á súa casa cando pasase por cerca dela … iso é crear ilusión e realmente emocionoume.

c) ¿De que estás máis orgullosa?

Non sei se lle podo chamar orgullo ao que sinto co meu traballo, pero si ilusión por facer algo que considero necesario e que ademais me gusta. Como exemplo de algo que si me fixo sentir orgullosa e que valía a pena o esforzo e algunhas penurias que pasamos, foi a carta que mencionei antes recibida dunha lectora que estaba empezando. Tamén cando encontro persoas que me contan  que  se aficcionaron ao sendeirismo e á observación de aves polas nosas “Guías da natureza”,  pequenas cousas que para nós son moi importantes.

d) ¿Que semellanzas ten o teu traballo co balonmán e por que escolliches o Balonmán Culleredo?

O balonmán é unha editorial como Baía, creo que se parecen na finalidade lúdico educativa, na proximidade a nenas e nenos, na ilusión por compartir experiencias e motivacións e o fomento do traballo solidario e en igualdade, especialmente de xénero.

Moitas gracias pola túa atención e desexámosvos o mellor para a editorial nos vindeiros anos!

Deixámosvos a continuación dúas das súas promocións de Nadal para aqueles lectores que esteades interesados! Botádelle unha ollada!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *