Saltar ao contido

Torneo Festas de Culleredo 2019

Esta pasada fin de semana disputábase no Pavillón de Tarrío o que xa é un tradicional torneo de pretempada para o noso club coincidindo coas festas locais. Nesta ocasión, en formato triangular xunto con OAR e Xiria, tanto en categoría xuvenil como sénior.

Na categoría xuvenil, Os nosos rapaces están a preparar non só a tempada que está por chegar, senón moi especialmente o Play-Off que nos pode dar acceso a competir na División de Honra galega, e que se disputará a vindeira fin de semana na localidade de Cangas.
No primeiro encontro do torneo, os nosos fixeron un gran partido, especialmente na faceta defensiva, onde maniataron case por completo a un OAR que apenas era quen de lanzar a portería. En ataque, aínda se notaba a pouca rodaxe que temos neste momento da tempada, e malia que o ritmo de xogo xa empeza a parecerse ao que temos que acadar, aínda se cometeron demasiadas imprecisións, e mesmo erros en lanzamentos claros a portería. Ao final, vitoria por 15-14 para os nosos.
No segundo encontro, fronte ao Xiria, equipo da parte alta da táboa en División de Honra nos últimos anos, o Culle seguía na mesma tónica, mostrándose moi forte en defensa, pero nesta ocasión, a alta carga de traballo de toda a semana, buscando acelerar a posta a punto para o Play-Off, fixo que a fatiga se convertera nun factor determinante no partido, e os carballeses conseguiron pouco a pouco facerse co mando no marcador, para rematar vencendo por 12-16.
Boas sensacións para o noso equipo xuvenil, que xa ten en mente a crucial eliminatoria da próxima semana.

Pola súa banda, na categoría sénior, no primeiro partido enfróntámonos ao OAR. Unha boa primeira parte na faceta defensiva fixo que chegáramos ao descanso con seis tantos de vantaxe, e na segunda metade xogamos ben co marcador e conseguimos levarnos o triunfo.
No segundo encontro, tocounos enfrontarnos co Xiria. Xogamos un bo partido, plantamos cara durante todo o encontro ante un rival que seguro estará nos postos altoa da 1° División Nacional. Acabamos perdendo por cinco tantos de diferencia pero as sensacións foron boas.
O gañador do torneo foi o Xiria, o Culle 2° clasificado e o OAR 3°.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *